sexta-feira, 6 de março de 2009

Que é o reversismo?

Antes de avanzarmos na nosa andaina indrúvida cómpre esclarecer algún concepto que, se cadra, lle pode resultar novidoso a quen estea afeito a unha terminoloxía filosófica máis clásica.

Non falaremos aínda da etimoloxía do termo indrúvido, tema ao que dedicaremos un post máis adiante, senón que desta vez imos coñecer cal é o significado do termo que opuxemos a discurso: o reversismo.

Os discursos habituais constan dunha sucesión de verbas na que todas teñen cadanseu elo compañeiro, de forma que se van enfiando os conceptos como follas espetadas nun arame. Mais todos sabemos que o único que se consegue con este tipo de transmisión oral é que o auditorio topenexe e só vaia escoitar a leria polo viño posterior.

O reversismo, porén, é unha técnica retórica que consiste en botar fóra do corpo as ideas e as emocións en forma de sílabas e sons sinceros provenientes do máis fondo da alma, do bandullo, do cerne das gónadas.

Nesta altura, coa desorientación ideolóxica que señorea na civilización occidental, os humanos desta parte do mundo andan desorientados e corren o risco de caer ao mar os uns tras dos outros nunha especie de suicidio colectivo, corpos caendo por Fisterra abaixo, ou desde as rochas de Herbeira, nun diluvio humano que percibirán abraiados os percebes dos cantís.

Os discursos só acrecentan a desorientación, o barullo mental, e o reversismo é a única técnica que garante unha correcta saída ao exterior e posta en común dos verdadeiros desexos da alma humana.

Neste vídeo (se non se cargar, ide aquí) tedes unha excelente mostra de reversismo da man do seu principal difusor, Jon Andoni Goikoetxea, un verdadeiro indrúvido, aínda que el non saiba que o é.



AVISO: A visualización deste vídeo provoca serias crises reversistas. Poida que cheguedes un día ao traballo e comecedes a afalarlle ao xefe, to! to!, ou quizais ao combinardes cos amigos para tomarlle unha só vos poderedes expresar en reversista. Na moleira dos indrúvidos non sei fai responsable dos efectos posteriores á visualización.

Sem comentários:

 

Free Blog Counter
Poker Blog