terça-feira, 17 de março de 2009

A orixe da palabra 'indrúvido' (I)

Unha vez coñecidos os principios que rexen o comportamento dos indrúvidos, e logo de vermos, cun exemplo moi ilustrativo, que é o reversismo, toca coñecer a orixe da palabra iniciadora deste fenómeno de masas.

Máis adiante xa veremos cal foi a evolución semántica do termo, e como pasou de ser un concepto filosófico a un insulto, mais agora o que cómpre é saber onde aparece documentado, para que ningún dos sabichóns do ILGa nos poidan acusar de pesquisar nas berzas.

A palabra indrúvido aparece por primera vez no ano 1211, nunha obra titulada De maledictiones gallaicorum, que é unha escolma de termos despectivos que servía de axuda aos nosos trobadores para compor as súas cantigas de escarño e maldizer. Deste libro fixéronse catro copias manuscritas, das que só dúas chegaron ata os nosos días. A súa historia é a seguinte:

O primeiro manuscrito conservábase na mítica arca da Igrexa de Santiago do Couto mixto e foi destruído polos franceses, xunto con todo o que había nela, en 1809, ao se retiraren da Península.

O segundo tivo unha fin agropecuaria: o profesor Estraviz, coa intención de estudalo detidamente na casa, transportaba o volume na súa mobilete cando lle caeu nun cómaro e, sen tempo a volver a por el, unha vaca que pacía pretiño se achegou ao manuscrito e decidiu merendalo, e ao invar esa listaxe de palabras propias das composicións satíricas quedoulle a mirada retranqueira. Din os vellos do lugar que, de cando en vez, ao poñeren a orella na parede da corte, podían escoitar aquela vaca rosmando en verso enxeñosas burlas sobre a virilidade dos bois de parada.

Do terceiro sabemos que foi levado a Mallorca por Ramon Llull. Na Crónica de Santa Maria de Iria lemos que Ero de Armenteira coñeceu o filósofo Mallorquino cando este peregrinou a Compostela no ano 1264. Quedaron moi amigos, dadas as comúns experiencias místicas, aparicións marianas no caso do galego e cristianas no caso do catalán, e mentres compartían as súas iluminacións e mollaban a palabra con viño de Rozavales, Ero ofreceu en agasallo a Ramon o De maledictiones gallaicorum, e foi unha sorte: era o libro preferido do fundador de Armenteira, levábao sempre consigo e, de non desprenderse del, teríase estragado de todo ao pasar trescentos anos ao relento, que foron os que Ero pasou escoitando o reiseñor na horta do mosteiro.

A cuarta copia, á que tivemos acceso, consérvase na sección de incunables que hai na biblioteca revolucionaria que se agocha detrás do debuxo dos embarcados do bar Avante, en Compostela. A esta colección bibliográfica só poden acceder, dada a súa clandestinidade, os que sexan capaces de cantar o himno da URSS do revés mentres gargarexan con licor café do Mosquito. Foi do volume conservado nesta biblioteca —por cuxos andeis remexe a miúdo o Doutor Alveiros, á procura de referencias ás variantes da danza macabra— do que tiramos a etimoloxía da verba mater da nosa filosofía, á que nos dedicaremos nos vindeiros días.


Na foto podemos ver un indrúvido saíndo de consultar o De maledictiones gallaicorum na biblioteca revolucionaria do Avante

Sem comentários:

 

Free Blog Counter
Poker Blog