quarta-feira, 4 de março de 2009

Manifesto indrúvido

Benvidos, camaradas, á moleira dos indrúvidos. Esta é tamén a vosa casa, se houber casas de alguén, e queremos que vos sintades ben, e que sentedes ao redor da cacharela que nos vai unir por unha mesma causa: o triúnfo da filosofía indrúvida.

Veñen tempos difíciles, amiguiños. O voo dos paxaros que aínda o mes pasado trazaba parábolas esguías virou incerto e agoira novas tebras. Os indrúvidos non queremos vivir na escuridade: queremos leiras sen cancelas nas que esparexan as súas labaradas de endorfinas os nosos espíritos sen límites.

Mais, xustamente, é esta frela de camiñarmos co único guieiro da verba liberdade a que nos di que tampouco debemos confiar nos que prometeron luz e só trouxeron candís de outrora: quixeron que seguísemos vivindo acurrunchados na casiña coa claridade xusta para ler os seus panfletos.

Nin os uns nin os outros se decataron aínda de que non teñen nada que facer. Que se deixen de sécolas. Os indrúvidos non temos líderes e somos inapreixábeis. Zafémonos das cadeas que agochan en grilandas de herbas frescas!


OS INDRÚVIDOS, POIS, SABEMOS

Que todos os intentos de construción, fracasaron. Todos os discursos, fracasaron. Todas as chamadas á cordura, fracasaron. Todas as sortes de razón, fracasaron. Todas as xerarquías, fracasaron. Todos os métodos de ensino, fracasaron. E aprender, con tanto fracaso acumulado, demostrou ser unha tarefa inútil.

E, POLO TANTO, PROPOMOS:

En troques de construción, deconstrución.

En troques de discursos, reversismo.

En troques de cordura, tolemia.

En troques de razón, emoción.

En troques de xerarquías, redes.

En troques de ensinar, compartir.

En troques de aprender, desaprender.


Que a crise, compañeiros, sirva para que naza un novo paradigma que nos axude a ser máis felices e máis ceibes.

VIVA A CRISE!

VIVA A FILOSOFÍA INDRÚVIDA!

Sem comentários:

 

Free Blog Counter
Poker Blog