Un indrúvido* é aquel que, co bo saber e coñecemento dun druída, pode facer dubidar os outros da certeza do mundo sensible.
O termo indrúvido vén do latín IN DUBITAS, ‘en dúbidas’, con cruzamento semántico co celta DRU, ‘druída’. Como o indrúvido metía os demais “en dúbidas” (>IN DUBITAS) coas habelencias propias dun druída, mesturáronse as raíces da dúbida e dos druídas e chegouse a cualificar de “indrúvido” quen tiña esta capacidade de influencia nas mentes alleas.
Coa definición que demos, bótase de ver a base platónica do termo, xa que os indrúvidos gostaban non só de vivir por riba do mundo material, preto sempre do espiritual, senón que ademais reivindicaban o feito de facer torres no ar e de pór en dúbida todo o que non estivese baseado no idealismo.
A palabra indrúvido emprégase desde hai ben séculos. Non lles era descoñecida nin aos trobadores (e, xa que logo, tampouco aos cortesáns), nin aos irmandiños, nin tampouco aos poucos que mantiñan acesa a chama da cultura galega durante os Séculos Escuros, xa que os seguidores do indruvidismo foron das poucas persoas que quixeron vivir dun xeito alternativo ao que impuña o poder oficial e, polo tanto, foron quen de dar saída aos produtos culturais escritos na lingua da Galiza que —aínda que pouco difundidos— saíron á luz entre os séculos XVI e XVIII. Por exemplo, todo apunta que Diego Antonio de Cernadas y Castro (1698-1777), coñecido popularmente como “o cura de Fruíme”, era indruvidista, o que se deduce do carácter libertario e porvirista das súas composicións poéticas. Un título como o de “Estando doente dun reumatismo nun brazo regaloulle a un párroco veciño seu unha perna de carneiro”, é altamente indicativo da consciencia dunha persoa que, ás portas da morte, fai mediante un alter ego un canto á vida e ao bo entendemento cos nosos conxéneres.
Estes precedentes sitúannos o indrúvido como un ser xeneroso e desvelado e, por esa mesma xenerosidade e esa consciencia do que ocorre ao seu redor, tamén como alguén que de seguro morre perseguindo a felicidade (sobre todo a dos demais) e se cadra sen acadala. Tendo en conta estes datos, por causa de que se chega a empregar a palabra indrúvido como pexorativa? Imos ver se damos resposta dun xeito breve a unha cuestión tan transcendental.
No principio, como xa apuntamos, ‘indrúvido’ foi un concepto filosófico, como podía ser ‘sofista’ ou ‘cínico’. Máis adiante, porén, xa no Século das Luces, hai un cambio semántico e pasa a ser un insulto. Naquela altura, nun momento no que Europa estaba dominada pola formulación cartesiana do cogito ergo sum como única certeza, todo o que non cría neste axioma era considerado un irracional, un outsider, un lendias, e xa sabemos que os indrúvidos puñan en dúbida, por mor da súa refinada sensibilidade, precisamente a certeza do mundo sensible. Deste xeito, indrúvido pasou a ser sinónimo de ‘tolo’ ou de ‘prosmeiro’, pasando o termo á lingua popular e empregándose decote como sinónimo destes cualificativos despectivos e, tempo andado, como insulto proferido contra alguén do que un se quere zafar.
*Tendo en conta a etimoloxía, e dado que dúbida se escribe (en galego ILG-RAG) con b, indrúvido debería escribirse tamén coa mesma consoante, e non con v, mais optamos por respectar a grafía na que aparece na maioría dos textos ao longo da historia.


