Mostrar mensagens com a etiqueta O indruvidismo na historia. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta O indruvidismo na historia. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, 23 de março de 2009

Máis sobre o reversismo

Jon Andoni Goikoetxea, como vimos hai uns días, foi quen lle deu nome ao reversismo, mais do reversismo temos noticia ao longo dos séculos. Por exemplo, cando Sant Vicent Ferrer predicou en San Domingos de Bonaval, a finais do s. XIV, e toda a concurrencia o entendeu, non é porque falase en catalán, como conta a haxiografía correspondente, e daquela houbese unha boa comprensión entre as distintas linguas románicas, senón porque Sant Vicent Ferrer era reversista, e foi a través do reversismo como este pegureiro lle transmitiu á grei indrúvida a súa sabenza apocalíptica.

Outro dos casos recólleo A. F. Chomel na súa ben coñecida obra de referencia Elementos de patología general, traducida á lingua de Castela por José de Lletor Castroverde, quen obtivo, en 1842, a primeira cátedra de Medicina Legal da Universidade da Habana. Na sección III dos Elementos de patología general (p. 146 da edición de 1834) encontramos o capítulo titulado “De los síntomas que dan la voz y la palabra”, onde se nos refire o caso dunha muller que naquela altura foi considerada histérica e á que hoxe lle podemos devolver a dignidade afirmando que foi unha precursora do reversismo en tempos difíciles para as novas correntes filosíficas. Velaí o anaco:

«La voz presenta mudanzas en su tono lo mismo que en su fuerza; es clara en algunas calenturas malignas antes ó despues del delirio, aguda en ciertas anginas, sibilante en el tétanos, ronca ó parda en la hidrofobia y en la tísis pulmonar y laringea, nasal en las diversas afecciones de la membrana pituitaria, y discordante en algunas enfermedades de la laringe, como en el caso que observó el doctor Portal en una muger cuya voz tomaba alternativa y prontamente las inflexiones aguda y ronca. En algunas variedades de la melancolía, la voz y el modo de estar de los enfermos imitan al de ciertos animales, como por ejempo, del perro, del lobo; por lo cual se han llamado estas variedades de la afeccion meláncolica con los nombres particulares de cinantropia y de licantropia. [...] La palabra presenta algunas alteraciones que pueden venir con las de la voz, ó manifestarse solas.

[...] El doctor Portal ha asistido á una muger que empezaba á hablar con dificultad, y no podía callar cuando había empezado á articular las primeras palabras: á pesar suyo se veia obligada á espresar con palabras todos los pensamientos que le venian, de manera que ni aun en la iglesia podía tampoco contener esta singular necesidad. Esta muger es la misma de la discordancia de sonidos de que hemos hablado mas arriba.»

Nota bene: Respetamos na transcrición a escrita do orixinal, anterior a moitas das reformas ortográficas da Real Academia Española, que tamén é moi amiga de ir reformando a ortografía, aínda que non sexa albo de bilingüistas e outros tipos de pailáns.

terça-feira, 17 de março de 2009

A orixe da palabra 'indrúvido' (I)

Unha vez coñecidos os principios que rexen o comportamento dos indrúvidos, e logo de vermos, cun exemplo moi ilustrativo, que é o reversismo, toca coñecer a orixe da palabra iniciadora deste fenómeno de masas.

Máis adiante xa veremos cal foi a evolución semántica do termo, e como pasou de ser un concepto filosófico a un insulto, mais agora o que cómpre é saber onde aparece documentado, para que ningún dos sabichóns do ILGa nos poidan acusar de pesquisar nas berzas.

A palabra indrúvido aparece por primera vez no ano 1211, nunha obra titulada De maledictiones gallaicorum, que é unha escolma de termos despectivos que servía de axuda aos nosos trobadores para compor as súas cantigas de escarño e maldizer. Deste libro fixéronse catro copias manuscritas, das que só dúas chegaron ata os nosos días. A súa historia é a seguinte:

O primeiro manuscrito conservábase na mítica arca da Igrexa de Santiago do Couto mixto e foi destruído polos franceses, xunto con todo o que había nela, en 1809, ao se retiraren da Península.

O segundo tivo unha fin agropecuaria: o profesor Estraviz, coa intención de estudalo detidamente na casa, transportaba o volume na súa mobilete cando lle caeu nun cómaro e, sen tempo a volver a por el, unha vaca que pacía pretiño se achegou ao manuscrito e decidiu merendalo, e ao invar esa listaxe de palabras propias das composicións satíricas quedoulle a mirada retranqueira. Din os vellos do lugar que, de cando en vez, ao poñeren a orella na parede da corte, podían escoitar aquela vaca rosmando en verso enxeñosas burlas sobre a virilidade dos bois de parada.

Do terceiro sabemos que foi levado a Mallorca por Ramon Llull. Na Crónica de Santa Maria de Iria lemos que Ero de Armenteira coñeceu o filósofo Mallorquino cando este peregrinou a Compostela no ano 1264. Quedaron moi amigos, dadas as comúns experiencias místicas, aparicións marianas no caso do galego e cristianas no caso do catalán, e mentres compartían as súas iluminacións e mollaban a palabra con viño de Rozavales, Ero ofreceu en agasallo a Ramon o De maledictiones gallaicorum, e foi unha sorte: era o libro preferido do fundador de Armenteira, levábao sempre consigo e, de non desprenderse del, teríase estragado de todo ao pasar trescentos anos ao relento, que foron os que Ero pasou escoitando o reiseñor na horta do mosteiro.

A cuarta copia, á que tivemos acceso, consérvase na sección de incunables que hai na biblioteca revolucionaria que se agocha detrás do debuxo dos embarcados do bar Avante, en Compostela. A esta colección bibliográfica só poden acceder, dada a súa clandestinidade, os que sexan capaces de cantar o himno da URSS do revés mentres gargarexan con licor café do Mosquito. Foi do volume conservado nesta biblioteca —por cuxos andeis remexe a miúdo o Doutor Alveiros, á procura de referencias ás variantes da danza macabra— do que tiramos a etimoloxía da verba mater da nosa filosofía, á que nos dedicaremos nos vindeiros días.


Na foto podemos ver un indrúvido saíndo de consultar o De maledictiones gallaicorum na biblioteca revolucionaria do Avante

 

Free Blog Counter
Poker Blog